Venda de entradas para a Festa do Botelo 2017

Venda de entradas para a Festa do Botelo 2017

 

Dispoñibles as entradas para o espectáculo Menú da Noite e o día 16 poranse á venda as entradas para a comida do botelo

 

A Concellería de Cultura e Educación do Concello do Barco anuncia que hoxe xa están á venda as entradas para asistir ao espectáculo “Menú da Noite” o día 22 no Teatro Lauro Olmo. As 250 entradas están dispoñibles na tenda Ton y Son de música e o día do espectáculo, unha hora antes da actuación, na billeteira do teatro. O actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila comezarán a súa actuación ás 19 horas e a entrada custa 10 €/persoa.

Por outra banda dende o concello tamén notifican que o luns día 16 de xaneiro poranse á venda as entradas para a comida do botelo. Este ano como novidade haberá 200 entradas máis á venda e tamén se limitará a compra de entradas por cada persoa. Nesta ocasión para intentar cubrir a demanda crecente de asistencia a esta festa, increméntase en 200 entradas máis ata chegar ás 1150 entradas (950 á venda no 2016) e  cada comprador só poderá adquirir 20 entradas.

O luns 16 de xaneiro abrirase a venda de entradas para a comida do botelo ás 17 horas na billeteira do Teatro Lauro Olmo do Barco. O prezo é de 15€/persoa.

 

LUNS, 16 DE XANEIRO

-Venda de entradas XVII Festa do Botelo

Prezo: 15 €/persoa

Número de entradas á venda: 1150

Hora: 17 horas

Lugar de compra das entradas: Billeteira do Teatro Lauro Olmo

Número de entradas por persoa: MÁXIMO 20 ENTRADAS

Os grupos que queiran sentarse xuntos durante a comida terán que comunicalo no momento da retirada das entradas.

 

 

 

A XVII Festa do Botelo contará co actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila como pregoeiros

A XVII Festa do Botelo contará co actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila como pregoeiros

oficial-concello-do-barco-cartel-festa-do-botelo-2017

A Concellería de Cultura e Educación do Concello do Barco fixo público hoxe os nomes de Carlos Blanco e Luís Davila como pregoeiros da  XVII FESTA DO BOTELO . A festa, que se celebrará o día 21 de xaneiro na vila do Barco,  da un paso máis para a súa promoción fora dos límites da comarca valdeorresa coa elección, por primeira vez, duns pregoeiros que non son orixinarios da vila. Neste caso o actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila serán os encargados de inaugurar esta nova etapa desta celebración declarada no 2014 como Festa de Interese Turístico de Galicia. Ademais de ser pregoeiros, traerán á vila, o seu espectáculo Menú da Noite que porán en escena o día 22 no Teatro Lauro Olmo.

O impulso na promoción xa empezou o ano pasado cando se programaron máis actividades ao redor deste produto (feira de produtos tradicionais, encontro de blogueiros, etc) para darlle forma a unha programación na que a degustación do botelo é o eixe central. De feito, o deseñador Luis Davila “O Bichero” xa foi o encargado da elaboración do cartel do 2016 e este ano renovouse a mesma imaxe con pequenos cambios.  O cartel amosa unha das súas personaxes habituais cun botelo nunha fonte listo para servir. Con este deseño elaboráronse os carteis da festa e tamén a imaxe para as camisetas que se porán á venda.

O autor desta imaxe da Festa do Botelo, Luis Davila, como el mesmo explica, nace cun rotulador na man e crece debuxando e despois deuse conta que podería vivir diso. Estuda Deseño Gráfico e dende o ano 1998 publica unha viñeta diaria  no Faro de Vigo chamada “O Bichero” e cos anos xa ten 6 libros recompilatorios dos seus traballos. Conta con miles de seguidores nas redes sociais que agardan a saída dunha nova viñeta onde retrata a actualidade con retranca. Dende o 2014 participa xunto ao actor Carlos Blanco no espectáculo  “Menú do día” e dende este ano ampliaron o repertorio co chamado “Menú da Noite”.

O binomio de pregoeiros Luis Davila- Carlos Blanco reúne a uns dos mellores do panorama  galego do mundo da ilustración cómica e da interpretación. Falar de Carlos Blanco é contar a traxectoria dun actor-creador de múltiples espectáculos. Tentar definir o seu traballo remítenos ao que conta na súa web: Cómo definir o que un fai…Contar, actuar, sentir a respiración do público, as risas, o silenzo…Ver teatros cheos, coa espectativa do disfrute, sair, gozar”. (http://www.carlosblancoaovivo.com)

A súa retranca e facilidade como monologuista, de seguro que lle servirá para crear un pregón dos que se lembrarán en tempos. Como van montar o acto aínda é un segredo que só se desvelará o propio día do pregón, o 21 de xaneiro, no Teatro Lauro Olmo do Barco. A entrada ao pregón, como todos os anos, será gratuíta e nel tamén se entregará a Mención de Honra a un destacado cociñeiro/a da comarca. Ao día seguinte os dous pregoeiros porán en escena o seu espectáculo “Menú da Noite” no mesmo teatro barquense e a entrada custará 10 €/persoa.

Esta nova edición virá con máis novidades nas que o obxectivo é continuar coa promoción do botelo e ampliar a festa gastronómica máis alá da mera degustación do produto. A festa contará cunha serie de actividades nas que se está a traballar e daranse a coñecer unha vez pasadas as festas de Nadal.

 

 PROGRAMA DE ACTOS RELACIONADOS COS PREGOEIROS

 

Acto do pregón

Lugar: Teatro Lauro Olmo do Barco

Día: 21 xaneiro

Hora do acto: 12:30 horas.Entrada libre

-Pregoeiros: Actor Carlos Blanco e debuxante Luis Davila

 

Espectáculo “Menú da Noite” con Carlos Blanco e Luis Davilafinal-cartel-menu-da-noite-do-botelo-2017

Lugar: Teatro Lauro Olmo

Día : 22 xaneiro

Hora: 19 horas

Prezo: 10 €/persoa

Todas as actividades iránse promocionando tamén na web: www.festabotelo.es