Presentado o cartel da XIX Festa do Botelo do Barco e o programa de actos co humorista Roberto Vilar como pregoeiro

 

O alcalde do Barco, Alfredo García e a Concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta foron os encargados de presentar o cartel da XIX edición da Festa do Botelo 2019. Un cartel que ten moita relación coas actividades de promoción que se veñen realizando nos últimos anos e co pregoeiro oficial do 2019 o humorista, actor e presentador, Roberto Vilar. Actualmente Roberto Vilar presenta o seu programa, Land Rober Tunai Show da Televisión de Galicia (TVG) e sendo líder de audiencia no seu día de emisión na canle pública galega. Este é o protagonista do cartel para convertelo nun novo embaixador do botelo  xunto coa “boteloneta” que leva percorrido a comarca nos últimos anos cos xornalistas e blogueiros que viñan coñecer a elaboración do botelo e o seu entorno. Ademais de facer referencia  ao percorrido que se fai cada ano por Coruña, Vigo e outras localidades coa “festa do Botelo” co afán de promocionalo noutros lugares fora das terras valdeorresas.

Ademais de presentar o cartel e o pregoeiro desta nova edición tamén adiantaron algúns puntos do programa  “que se está rematando de perfilar” explicou a concelleira. Entre eles quen recibirá a Mención de Honra 2019 que será para o Restaurante Fernando III . Un local referente na gastronomía da vila na actualidade.

 

 

 

 

 

Compra de entradas

Na presentación do cartel xa foron anunciando outras actividades así como o proceso de compra de entradas para a asistir á comida no pavillón de Calabagueiros o día 19 de xaneiro. Explicaron que a venda de entradas será  á fin de semana anterior á festa. A venda farase o sábado, día 12 de xaneiro, a partir das 9 da mañá. “Así poderán comprar entradas a xente que pola semana traballa” explicou a concelleira Margarida Pizcueta, quen tamén indicou que o lugar de venda das entradas será o Teatro Lauro Olmo que estará aberto a partir das 8 da mañá para coller número de orde de entrada e poder agardar a comprar vendo unha película. Tamén se lembrou que as 1150 entradas que se porán á venda custarán 18 euros cada unha e que cada comprador só poderá adquirir como máximo 10 entradas.

 

Actividades da Festa do Botelo: presentación dun libro, película, Cantos de taberna , Feira de produtos tradicionais e programa Aquí Galicia da TVG

 

No programa de actividades da XIX Festa do Botelo tamén se inclúe a proxección dunha película no Teatro Lauro Olmo relacionada co mundo da gastronomía. O título deste ano é “Una receta familiar” e poderá verse o xoves, 17, ás 19 e 21 horas no Teatro Lauro Olmo.  Ao día seguinte, terá lugar a presentación do libro “Ninfopoética” da poetisa Fátima Delgado (presentadora este ano do acto do pregón) que será ás 20 horas na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán. Unha hora máis tarde e no Teatro Lauro Olmo a compañía Contraproducións porá en escea a obra “Commedia”.

 

 

Un ano máis haberá Feira de Produtos Tradicionais que este ano cambia de ubicación e estará no Campo da Festa no Paseo do Malecón durante o sábado todo o día. O número de participantes estase a perfilar nestes días e informarase proximamente.  Neste mesmo lugar tamén terá lugar o sábado 19 pola tarde a emisión do programa da TVG “Aquí Galicia”. Un espazo de actuacións musicais en directo e emisión de reportaxes de actualidade e promocionais da comarca de Valdeorras. Xa entrada a tardiña os Cantos de Taberna voltarán a amenizar varios locais da vila coa música tradicional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *