O restaurante Fernando III recibirá a Mención de Honra 2019 na Festa do Botelo

Guillermo García: “A festa é moi positiva porque non só da traballo á hostalería senón tamén as empresas que o elaboran”

Un restaurante con máis de 30 anos en funcionamento e levado por tres irmáns recibirá este ano a Mención de Honra da Festa do Botelo. O restaurante Fernando III empezou a funcionar con outros donos hai máis de 40 anos e dende comezos dos oitenta pasou a mans dos irmáns García López da localidade de Pombriegos (La Cabrera). Nun primeiro momento traballaban solo co servizo de cafetería e dende o ano 1989 decidiron ampliar o negocio e abrir un apartado de restaurante. Dende entón son unha das referencias gastronómicas da vila barquense. O seu local, situado en fronte do hospital comarcal, sempre ten xente en diferentes momentos do día. Guillermo, Ramiro e Manuel Angel son os tres irmáns que están detrás da barra e servindo as mesas e este sábado van recibir a Mención de Honra a toda unha vida de traballo na hostalería. Aínda sendo homenaxeados o seu negocio non pechará este sábado porque teñen que servir botelo a 150 comensais no seu establecemento.

Guillermo fai de voceiro dos seus irmáns e agradece a Mención de Honra desta festa que considera moi importante para dar vida ao pobo. Na entrevista que a continuación se publica conta a súa experiencia e opinións.

-Cantos anos dedicado á hostalería?

Levo toda a vida dedicado ao tema da hostalería porque o meu pai tiña un bar no pobo de Pombriego, despois traballei en Madrid e a continuación xa aquí no Barco levo máis de trinta anos . Ten que gustarche este traballo porque senón non se pode aguantar. A verdade é que nunca me imaxinei vir ao Barco a traballar pero meu irmán maior veu para aquí porque casou cunha muller da vila e cando lle xurdiu a oportunidade de facerse con esta cafetería eu vin a axudarlle. Pensei en quedar a botarlle unha man uns catro anos e como vedes xa levo 35 anos. Din que o que ven ao Barco xa non marcha.

-Que necesita un bo hostaleiro?

O mundo da hostalería basease na psicoloxía, en saber escoitar ao cliente. Hai moita xente que quere contarche, falar un ratiño e aínda que esteas moi ocupado tes que parar e escoitar. Eu teño moita e moi boa relación con moitos clientes como se foran familia.

-Cando decidides ampliar a restaurante?

O negocio funcionaba ben pero non había moita oferta para comer na vila e estabamos quedando limitados solo coa cafetería. Así que no 1989 tomamos a decisión de ampliar o local e abrir como restaurante. Tivemos moito traballo dende o principio. Contratamos a un bo cociñeiro, chamábase Fernando, e axudou moito. Non podemos queixarnos pero tamén foron moitas horas de traballo. Aquí non se pecha nunca da mañá á noite.

-Que che parece que o Restaurante Fernando III reciba a Mención de Honra deste ano?

É un honor recibir esta distinción. Estou encantado e os meus irmáns tamén. Seguro que hai moita xente que o merece máis ca nós pero este ano decidiron dende o Concello que fora para nós e estamos moi contentos. Temos que agradecer que se acorden dos que traballamos día a día nesta vila nun sector tan duro como o da hostalería.

-O día do Botelo o restaurante seguirá aberto?

O día do Botelo terei que dividirme estar no acto do pregón onde recibirei ese premio no nome da miña familia e despois volver para traballar porque temos 150 reservas en dous comedores. Isto é un non parar ata tiven que rexeitar reservas.

-Como ve a Festa do Botelo?

Esta festa é moi importante para o pobo, temos que darlle a hostalería as grazas ao concello por poñela en marcha. Xaneiro é un mes un pouco baixo e o pobo necesita vida, ten que haber actividade senón nun pobo sen actividade está morto. A festa a este produto típico da comarca como é o botelo é moi positiva porque non só da traballo á hostalería senón tamén as empresas que o elaboran.

-Cal é o segredo para cociñar un bo botelo?

Non hai moito secreto. Ter un bo produto como o que se está facendo en Valdeorras e poñelo a cocer entre hora e media e dúas horas  e media, segundo o peso, para telo rico e ben cocido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *