O Barco de Valdeorras promociona un ano máis o botelo cunha festa na Coruña

A cuarta Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase o sábado, día 11 de febreiro. O lugar desta nova edición será o restaurante Mirador de San Pedro ao igual que nas tres celebracións anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fora das terras valdeorresas.

A festa comezará ás 13:00 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista e acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Para a sobremesa haberá bica e a torta de roxóns ademais do grupo musical Os Peteras para amenizar a tarde. Para acompañar a comida do botelo estarán os viños brancos de godello das adegas Godeval, D´berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno. A comida custa 30 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto. Aqueles que vaian en grupo teñen que especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 21 de xaneiro a súa décimo séptima edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fora das terras valdeorresas e ademais da comida en A Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa segunda edición para o día 11 de marzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará