O Concello

 

Situado na parte suroriental de Galicia, na comarca de Valdeorras, o Concello de O Barco ocupa parte do val fluvial do río Sil e as terras elevadas que o rodean. O Barco é a capital da comarca de Valdeorras e o seu centro comercial e de servizos.

O concello está formado por 24 núcleos de poboación que suman 14.135 habitantes. Cunha extensión de 84 km2, linda ao Norte coa Serra do Courel, ao Este cos concellos de Rubiá e Carballeda, ao Oeste co de Vilamartín e ao Sur coa Serra do Eixe, que remata no Macizo de Trevinca cos picos máis elevados de Galicia. A romanización foi intensa nun territorio tan estratéxico como rico en minerais. Entre os xacementos auríferos de As Médulas (Bierzo) e Montefurado (Lugo) son frecuentes as pegadas da actividade extractiva levada a cabo nesa época da historia. Por Valdeorras pasaba a vía de comunicación romana Vía Nova (a XVIII do Itinerario Antonino), que unía Braga e Astorga.

Xa na Idade Media o Señorío de Valdeorras foi administrado por distintas casas nobres, quedando como referente daquela época a Fortaleza de O Castro protexida como Ben de Interese Cultural dende o  17/11/1994 coa categoría de Monumento.

 

A economía xira o redor da lousa, coa maior concentración de explotacións de España. A viticultura é outro dos sectores importantes co cultivo de variedades autóctonas como a godello e a mencía para a elaboración de viños de gran calidade. Na actualidade hai 6 adegas situadas no Concello de O Barco.