José María Rodríguez Ramos: “A paternidade da festa do botelo foi compartida e maternidade da miña nai”

José María Rodríguez Ramos é o pregoeiro da XVIII Festa do Botelo e ten un sentimento de agradecemento e tamén de orgullo por ver que pasaron anos e a festa vai crecendo co tempo. Como Concelleiro de Cultura no ano 2001 foi o que organizou o primeira festa do botelo unha actividade que como conta tivo paternidade compartida.

-Como xurdiu a idea de facer unha festa do botelo?

Na primeira lexislatura como alcalde, Alfredo, pediume que pensara en organizar unha festa gastronómica. Cheguei á casa e miña nai, Elvira, díxome “aquí hai o dito do mar o mero e do Barco o botelo así que poderíase facer unha festa”. E ademais de darme a idea tamén, como boa cociñeira que era,  me especificou que o botelo solo se debía  recher de costelas porque si se lle metía ósos da cabeza e da suá,  íamos ter problemas para controlar a súa calidade e poder curalos axeitadamente. Con todo este material leveino a unha comisión de cultura e aí empezamos a traballar cun apoio dos seis compoñentes desa comisión. Por iso sempre digo que a paternidade foi compartida e a maternidade foi da miña nai. A idea a verdade é que prometía moito pero tamén daba bastante medo.

– Como foi esa primeira festa do botelo?

No 2001 celebramos a primeira comida con 400 persoas no pavillón vello como un experimento que saíu ben. Sempre agradecerei á Carnicería Biobra o seu esforzo para poder ter botelos para todos os asistentes. Non foi fácil porque antes non se gardaban tantos estómagos e de feito houbo que completar con 140 pigureiros porque non había máis materia prima. Ademais tamén houbo que buscar un pregoeiro que estivera á altura das circunstancias e se embarcara con nós no experimento, neste caso foi o actor valdeorrés, Paco Campos. .

– E agora ser pregoeiro , que sentimento lle xera?

Cando estás na vida pública e formas parte deste tipo de actividades sabes que nalgún momento pode tocarche este papel. Estou contento que me toque co botelo porque vino nacer e crecer e ademais fáísenos maior de idade este ano.  Ademais todos estes anos sempre estiven vinculado a esta festa: vendendo as entradas, axudando na organización,etc.

-Como ves a festa do botelo na actualidade e no futuro?

Véxoa ben, a festa creceu ano a ano con festas en Coruña e Vigo, por exemplo,  e aínda pode crecer máis. É unha festa de encontro de amigos e familia, moi divertida e forma parte do xeito de rematar as festas de Nadal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará