Festa do Botelo en Coruña o 20 de febreiro

A terceira edición da Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase o próximo día 20 de febreiro. O lugar será o mesmo das anteriores edicións, o restaurante Mirador de San Pedro.  A festa comezará ás 13:30 horas cunha recepción e a continuación a comida co botelo como protagonista. Ademais haberá un grupo musical amenizando a sobremesa. Para acompañar a comida do botelo estarán os viños das adegas Godeval, D´berna e da Cooperativa Xesús Nazareno. As reservas xa se poden facer mediante o pago da comida  nun número de conta. Aqueles que vaian en grupo teñen que especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas.

O Concello do Barco está organizando esta nova edición do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas e posteriormente afumado  está acadando un gran recoñecemento e difusión fora das terras valdeorresas. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o 2014 continúa a súa promoción e ademais da comida en A Coruña, xa está preparando outra en Vigo na súa segunda edición.

CARTEL BOTELO CORUÑA 2016 DIPTICO CARTEL BOTELO CORUÑA 2016

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará