A VII Festa do Botelo na Coruña celebrarase o día 15 de febreiro e ten aberta a compra de entradas

A VII Festa do Botelo na Coruña celebrarase o día 15 de febreiro e ten aberta a compra de entradas

A sétima Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase o sábado, día 15 de febreiro. O lugar desta nova edición será o restaurante Arbore da Veira no Monte de San Pedro ao igual que nas seis celebracións anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fóra das terras valdeorresas.

A festa comezará ás 12:30 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Todo isto regado cos viños de godello da Adega D´Berna e o tinto mencía de Adega Roandi. Para a sobremesa haberá bica e os licores da Adega Godeval. Ademais para amenizar o fin de festa terán un grupo musical. O xantar custa 36 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o
restaurante ten aberto. Aqueles que vaian en grupo deberían especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas. Pódense facer reservas ata o xoves, día 13 de febreiro.


Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 18 de xaneiro a súa vixésima edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fóra das terras valdeorresas e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa VI edición para o día 7 de marzo.

Xeito de efectuar a reserva:
1 – Ingreso ou transferencia na conta: IBAN ES52 2080 0012 3330 4004 9959 . Titular da conta:
O Xardín de Árbore.
2 – Directamente no Restaurante previo pago en efectivo ata dous días antes do evento.
INFORMACIÓN Teléfono: 625 187 101

A vixésima edición da Festa do Botelo vive o seu día grande na vila barquense

A vixésima edición da Festa do Botelo vive o seu día grande na vila barquense

A vila ourensá do Barco de Valdeorras vive hoxe o seu Día Grande da XX Festa do Botelo. A Festa comezará ás 12 do mediodía no Teatro Lauro Olmo co acto de lectura do pregón a cargo do actor e contador de historias, Avelino González, e a entrega da Mención de Honra ao socio fundador de Adegas Godeval, Honorato López Isla. O acto estará presentado pola poetisa barquense, Fátima Delgado, e contará coa actuación do Orfeón Valdeorrés. A Mención de Honra este ano ábrese ao mundo do viño despois de dezanove anos concedendo este recordatorio a xente relacionada coa hostalería da vila. O concello barquense quere comezar a recoñecer tamén o traballo feito no sector vitivinícola e vai empezar por unha das adegas que está asentada na vila dende a súa fundación no ano 1986 e que forma parte das que iniciaron a recuperación da variedade godello na comarca.

Unha vez rematado o acto no Teatro Lauro Olmo a xente trasladarase a comer o botelo tanto na comida oficial que se celebrará no Pavillón de Calabagueiros coma nos restaurantes da vila que ofrecen o embutido rei do inverno valdeorrés. No caso da comida no pavillón estarán unhas 1300 persoas entre invitados e asistentes con entrada para dar boa conta do botelo cocido con patacas, repolo e chourizos. No recinto poderán sacar unha foto para o recordo nun escenario “romano” montado para a ocasión, así como comprar a camiseta conmemorativa desta edición. Pola tarde será o momento de facer a dixestión do botelo asistindo ao programa da TVG, Aquí Galicia, que estará emitindo en directo dende o Campo da Festa, no Paseo do Malecón. Ademais a partir das sete haberá a quinta edición dos Cantos de Taberna por varios bares da vila. A festa continuará ata o domingo coa ruta de pinchos despois de ter onte o Concerto do Botelo coa actuación do grupo Milladoiro e a fin de semana pasada celebrouse a terceira edición do Botelo Trip con xornalistas de Galicia e Madrid. Toda unha programación orientada a dar a coñecer o botelo do Barco e poder degustalo no seu momento óptimo.

O programa da TVG Aquí Galicia na Festa do Botelo no Barco

O programa da TVG Aquí Galicia na Festa do Botelo no Barco

A vixésima edición da Festa do Botelo contará con cobertura por parte da Televisión de Galicia. O espazo das tardes da fin de semana Aquí Galicia estará emitindo o sábado, 18, a partir das 16 horas dende o Paseo do Malecón do Barco (campo da festa). Un ano máis achéganse á terras valdeorresas para emitir en directo varias actuacións musicais e tamén reportaxes sobre a historia da Festa do Botelo. 

Ademais tamén se emitiu o venres pola tarde unha reportaxe no magazine Fun polo Aire sobre o xeito de cocer botelo e a súa composición.