A Feira de produtos do Botelo contará con 20 participantes durante a fin de semana

A Feira de produtos do Botelo contará con 20 participantes durante a fin de semana

A Feira do Botelo de multiprodutos, a maioría gastronómicos, celebrarase o sábado e o domingo no Campo da Festa (Paseo do Malecón) na vila barquense. Nun principio este evento ía facerse só o sábado durante todo o día pero finalmente os participantes decidiron ampliala a toda a fin de semana. En total serán 20 participantes que venderán: pan, botelo, bicas, doces variados, embutidos, licores, xoguetes, xoiaría, etc.

A cita será o sábado a partir das 11 horas e ata ás 19 horas e o domingo terá o mesmo horario.

O programa “Aquí Galicia” estará en directo na Festa do Botelo

O programa “Aquí Galicia” estará en directo na Festa do Botelo

O programa de variedades que emite cada sábado a TVG estará este ano en directo no Barco de Valdeorras. O programa  empezará o sábado ás 16 horas dende o Campo da Festa no Paseo do Malecón. Haberá reportaxes dedicados a temas da gastronomía e agricultura da comarca e arredores. Ademais farán conexións en directo co lugar da comida oficial no Pavillón de Calabagueiros para que o público poida vivir o ambiente en directo.

A VENDA DE 1150 ENTRADAS PARA A COMIDA OFICIAL DA XIX FESTA DO BOTELO FARASE ESTE SABADO

A VENDA DE 1150 ENTRADAS PARA A COMIDA OFICIAL DA XIX FESTA DO BOTELO FARASE ESTE SABADO

A venda das 1150 entradas da comida oficial que se servirá no Pavillón de Calabagueiros o día 19 de xaneiro farase este sábado, día 12 de xaneiro, a partir das 9 da mañá. “Así poderán comprar entradas a xente que pola semana traballa” explicou a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, quen tamén indicou que o lugar de venda das entradas será o Teatro Lauro Olmo que estará aberto a partir das 7 da mañá para coller número por orde de chegada e poder agardar a comprar as entradas vendo unha película. Tamén se lembrou que as 1150 entradas que se porán á venda custarán 18 euros cada unha e que cada comprador só poderá adquirir como máximo 10 entradas.

 

 

SÁBADO 12 DE XANEIRO

VENDA DE ENTRADAS

 

Lugar: Teatro Lauro Olmo

Hora: 9 da mañá

Número de entradas á venda: 1150

Prezo: 18 euros

Número máximo de entradas por persoa: 10 entradas

Nove restaurantes da vila servirán botelo durante a fin de semana da Festa

Nove restaurantes da vila servirán botelo durante a fin de semana da Festa

Hoxe presentouse a IX Edición da Ruta de Pinchos organizada pola Asociación de Empresarios (Aeva), O Centro Aberto e o Concello do Barco. Unha actividade que complementa a programación da XIX Festa do Botelo. A partir de hoxe e ata o día 20 degustaranse pinchos en 27 locais da vila e despois o fin de semana da festa haberá 9 restaurantes servindo botelo nos seus menús. Algúns deles xa teñen o cartel de completo para o día 19 ao mediodía.

No folleto que presentaron hoxe poden ver os locais e pinchos a degustar en cada lugar, así como os restaurantes que ofrecerán botelo nos seus menús na fin de semana da Festa:

Presentado o cartel da XIX Festa do Botelo do Barco e o programa de actos co humorista Roberto Vilar como pregoeiro

Presentado o cartel da XIX Festa do Botelo do Barco e o programa de actos co humorista Roberto Vilar como pregoeiro

 

O alcalde do Barco, Alfredo García e a Concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta foron os encargados de presentar o cartel da XIX edición da Festa do Botelo 2019. Un cartel que ten moita relación coas actividades de promoción que se veñen realizando nos últimos anos e co pregoeiro oficial do 2019 o humorista, actor e presentador, Roberto Vilar. Actualmente Roberto Vilar presenta o seu programa, Land Rober Tunai Show da Televisión de Galicia (TVG) e sendo líder de audiencia no seu día de emisión na canle pública galega. Este é o protagonista do cartel para convertelo nun novo embaixador do botelo  xunto coa “boteloneta” que leva percorrido a comarca nos últimos anos cos xornalistas e blogueiros que viñan coñecer a elaboración do botelo e o seu entorno. Ademais de facer referencia  ao percorrido que se fai cada ano por Coruña, Vigo e outras localidades coa “festa do Botelo” co afán de promocionalo noutros lugares fora das terras valdeorresas.

Ademais de presentar o cartel e o pregoeiro desta nova edición tamén adiantaron algúns puntos do programa  “que se está rematando de perfilar” explicou a concelleira. Entre eles quen recibirá a Mención de Honra 2019 que será para o Restaurante Fernando III . Un local referente na gastronomía da vila na actualidade.

 

 

 

 

 

Compra de entradas

Na presentación do cartel xa foron anunciando outras actividades así como o proceso de compra de entradas para a asistir á comida no pavillón de Calabagueiros o día 19 de xaneiro. Explicaron que a venda de entradas será  á fin de semana anterior á festa. A venda farase o sábado, día 12 de xaneiro, a partir das 9 da mañá. “Así poderán comprar entradas a xente que pola semana traballa” explicou a concelleira Margarida Pizcueta, quen tamén indicou que o lugar de venda das entradas será o Teatro Lauro Olmo que estará aberto a partir das 8 da mañá para coller número de orde de entrada e poder agardar a comprar vendo unha película. Tamén se lembrou que as 1150 entradas que se porán á venda custarán 18 euros cada unha e que cada comprador só poderá adquirir como máximo 10 entradas.

 

Actividades da Festa do Botelo: presentación dun libro, película, Cantos de taberna , Feira de produtos tradicionais e programa Aquí Galicia da TVG

 

No programa de actividades da XIX Festa do Botelo tamén se inclúe a proxección dunha película no Teatro Lauro Olmo relacionada co mundo da gastronomía. O título deste ano é “Una receta familiar” e poderá verse o xoves, 17, ás 19 e 21 horas no Teatro Lauro Olmo.  Ao día seguinte, terá lugar a presentación do libro “Ninfopoética” da poetisa Fátima Delgado (presentadora este ano do acto do pregón) que será ás 20 horas na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán. Unha hora máis tarde e no Teatro Lauro Olmo a compañía Contraproducións porá en escea a obra “Commedia”.

 

 

Un ano máis haberá Feira de Produtos Tradicionais que este ano cambia de ubicación e estará no Campo da Festa no Paseo do Malecón durante o sábado todo o día. O número de participantes estase a perfilar nestes días e informarase proximamente.  Neste mesmo lugar tamén terá lugar o sábado 19 pola tarde a emisión do programa da TVG “Aquí Galicia”. Un espazo de actuacións musicais en directo e emisión de reportaxes de actualidade e promocionais da comarca de Valdeorras. Xa entrada a tardiña os Cantos de Taberna voltarán a amenizar varios locais da vila coa música tradicional.

A XIX Festa do Botelo celebrarase o próximo 19 de xaneiro

A XIX Festa do Botelo celebrarase o próximo 19 de xaneiro

A Festa do Botelo terá unha nova edición, a número dezanove no 2019. Neste mes no que as matanzas tradicionais do porco están empezando a proliferar por toda a comarca de Valdeorras, o Concello do Barco ultima os preparativos da festa gastronómica desta vila. O próximo 19 de xaneiro teremos a oportunidade de degustar os botelos que a estas alturas xa están elaborados e en fase de curación con fume. Un proceso que dura entre a súa elaboración e curado ao redor dun mes . Despois o estómago do porco recheo de costelas adobadas será cocido con patacas e verdura para ser degustado na festa que cada ano congrega a máis de 1200 persoas entre o Pavillón de Calabagueiros e os restaurantes da vila barquense.

En próximas datas iremos desvelando o programa oficial de actos e o pregoeiro desta edición.

A IV Festa do Botelo reúne en Vigo a 180 persoas para pechar a promoción deste ano

A IV Festa do Botelo reúne en Vigo a 180 persoas para pechar a promoción deste ano

A cuarta Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrouse hoxe con gran afluencia de público. Preto de 200 comensais degustaron o singular botelo acompañado de cachelos e verdura no salón do Hotel Coia de Vigo. Ao acto asistiron como representación institucional do Concello do Barco,  o alcalde, Alfredo García e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta acompañados do alcalde de Vigo, Abel Caballero e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Ademais do mundo da cultura estiveron o escritor e editor galego,  Bieito Ledo e o pintor, Antón Pulido.

A comida comezou ás 14:00 horas con sopa e empanada de maravallas, a continuación serviuse o botelo. A degustación do botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas e afumado e posteriormente cocido para o seu consumo, acompañouse con viño branco da Adega D´Berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno de O Barco. Para a sobremesa estivo presente a torta de roxóns, a bica e a música para o baile de peche do acto.

Este foi o último acto promocional do botelo desta tempada. O Concello do Barco organizou unha serie de actividades este ano e deu continuidade a outras para seguir dando a coñecer o embutido rei do inverno valdeorrés, o botelo. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro na vila do Barco a súa décimo oitava edición. Continuou coa súa promoción fora das terras valdeorresas en Coruña o pasado día 3 de febreiro e rematou a actividade hoxe en Vigo.

O Botelo do Barco de Valdeorras chegará a Vigo o 3 de marzo por cuarto ano

O Botelo do Barco de Valdeorras chegará a Vigo o 3 de marzo por cuarto ano

A cuarta Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrarase o sábado, día 3 de marzo. O lugar desta nova edición será o restaurante do Hotel Coia ao igual que na celebración dos anos anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na cidade olívica para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, consistente no estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fora das terras valdeorresas.

O xantar comezará ás 14:30 horas coa tradicional sopa de cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Para a sobremesa haberá bica e unha actuación musical. A comida custa 27 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro a súa décimo oitava edición na vila do Barco. O pasado día 3 de febreiro celebrouse a V edición da festa na Coruña e a rolda de promoción rematará en Vigo no mes de marzo.

O Barco de Valdeorras celebrará a V Festa do Botelo na Coruña o día 3 de febreiro

O Barco de Valdeorras celebrará a V Festa do Botelo na Coruña o día 3 de febreiro

A quinta Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase este sábado, día 3 de febreiro. O lugar desta nova edición será o restaurante Mirador de San Pedro ao igual que nas catro celebracións anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fóra das terras valdeorresas.

A festa comezará ás 13:00 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Para a sobremesa haberá bica e a torta de roxóns, ademais dun grupo musical para amenizar a tarde. Para acompañar a comida do botelo estarán os viños da DO Valdeorras. O xantar custa 30 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto. Aqueles que vaian en grupo deberían especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro a súa décimo oitava edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fóra das terras valdeorresas e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa IV edición para o día 3 de marzo.