A IV Festa do Botelo reúne en Vigo a 180 persoas para pechar a promoción deste ano

A IV Festa do Botelo reúne en Vigo a 180 persoas para pechar a promoción deste ano

A cuarta Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrouse hoxe con gran afluencia de público. Preto de 200 comensais degustaron o singular botelo acompañado de cachelos e verdura no salón do Hotel Coia de Vigo. Ao acto asistiron como representación institucional do Concello do Barco,  o alcalde, Alfredo García e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta acompañados do alcalde de Vigo, Abel Caballero e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Ademais do mundo da cultura estiveron o escritor e editor galego,  Bieito Ledo e o pintor, Antón Pulido.

A comida comezou ás 14:00 horas con sopa e empanada de maravallas, a continuación serviuse o botelo. A degustación do botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas e afumado e posteriormente cocido para o seu consumo, acompañouse con viño branco da Adega D´Berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno de O Barco. Para a sobremesa estivo presente a torta de roxóns, a bica e a música para o baile de peche do acto.

Este foi o último acto promocional do botelo desta tempada. O Concello do Barco organizou unha serie de actividades este ano e deu continuidade a outras para seguir dando a coñecer o embutido rei do inverno valdeorrés, o botelo. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro na vila do Barco a súa décimo oitava edición. Continuou coa súa promoción fora das terras valdeorresas en Coruña o pasado día 3 de febreiro e rematou a actividade hoxe en Vigo.

O Botelo do Barco de Valdeorras chegará a Vigo o 3 de marzo por cuarto ano

O Botelo do Barco de Valdeorras chegará a Vigo o 3 de marzo por cuarto ano

A cuarta Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrarase o sábado, día 3 de marzo. O lugar desta nova edición será o restaurante do Hotel Coia ao igual que na celebración dos anos anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na cidade olívica para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, consistente no estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fora das terras valdeorresas.

O xantar comezará ás 14:30 horas coa tradicional sopa de cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Para a sobremesa haberá bica e unha actuación musical. A comida custa 27 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro a súa décimo oitava edición na vila do Barco. O pasado día 3 de febreiro celebrouse a V edición da festa na Coruña e a rolda de promoción rematará en Vigo no mes de marzo.

O Barco de Valdeorras celebrará a V Festa do Botelo na Coruña o día 3 de febreiro

O Barco de Valdeorras celebrará a V Festa do Botelo na Coruña o día 3 de febreiro

A quinta Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase este sábado, día 3 de febreiro. O lugar desta nova edición será o restaurante Mirador de San Pedro ao igual que nas catro celebracións anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fóra das terras valdeorresas.

A festa comezará ás 13:00 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Para a sobremesa haberá bica e a torta de roxóns, ademais dun grupo musical para amenizar a tarde. Para acompañar a comida do botelo estarán os viños da DO Valdeorras. O xantar custa 30 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto. Aqueles que vaian en grupo deberían especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro a súa décimo oitava edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fóra das terras valdeorresas e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa IV edición para o día 3 de marzo.

O Botelo acompañou a presentación do proxecto As Letras de Florencio en Vitoria Gasteiz e en Donostia

O Botelo acompañou a presentación do proxecto As Letras de Florencio en Vitoria Gasteiz e en Donostia

Esta fin de semana o proxecto As Letras de Florencio, para reclamar o Día das Letras Galegas para o poeta de Vilamartín,  xuntou a unhas 150 persoas nos Centros Galegos de Vitoria Gasteiz e no de Donostia.

 

 

 

 

 

Os protagonistas foron a figura do poeta Florencio Delgado Gurriarán  e os produtos da comarca valdeorresa. O menù que estivo preparado polas cociñeiras do Restaurante San Mauro  (Divina e Sandra) contaba coas empanadas máis tradicionais da zona (costrelas  e maravallas); seguidas dun cocido con Botelo e como sobremesa unha torta de castaña e unhas filloas con mel. Todo acompañado cos viños das adegas O Casal, D‘Berna, A Pinguela e Roandi.

Na cea de Vitoria Gasteiz o Alcalde de Petín, Miguel Bautista, a directora do proxecto, Debora Álvarez e o adegueiro Fuco Nuñez foron agasallados cunha figura do tradicional Celidonio, figura emblemática das festas de Virxe Blanca. E na cidade de Donostia o presidente da Casa de Galicia, Xoan Alonso Domínguez, ofreceu a historia da institución en forma de libros e cds que amosan o traballo que estes centros levan realizando dende fai décadas.

A XVIII Festa do Botelo vivirá mañá sábado o seu gran día comendo uns 800 kilos deste produto

A XVIII Festa do Botelo vivirá mañá sábado o seu gran día comendo uns 800 kilos deste produto

A XVIII Festa do Botelo terá mañá sábado o seu Día Grande coa comida oficial no Pavillón de Calabagueiros do Barco de Valdeorras e os actos previos de Lectura do Pregón e entrega de Mención de Honra. Unha comida na que se degustarán uns 800 kilos de botelo acompañados por patacas, chourizos e verdura. A esta comida oficial asistirán 1300 persoas ademais dos que degustarán o produto nos sete restaurantes da vila que tamén terán o botelo nos seus menús durante a fin de semana.

Ademais durante os dous días de festa haberá unha feira de produtos tradicionais no Paseo do Malecón (Zona Casino) e as actuacións musicais da Orquestra Aramio (Praza Andrés de Prada) e os grupos da III Foliada Cantos de Taberna na tarde do sábado. Toda unha serie de actos para festexar os 18 anos de existencia desta festa ao redor do botelo.

O pregoeiro deste ano será o primeiro organizador deste evento, José María Rodríguez Ramos, que cando ocupaba o cargo de Concelleiro de Cultura empezou con esta festa gastronómica. A actual concelleira, Margarida Pizcueta, destacou que “grazas a el empezou un proxecto que contou despois tamén co traballo de moita xente e hoxe estase convertendo na terceira festa gastronómica máis importante de Galicia”.  A mención de honra será novamente para unha cociñeira da vila, Manola García (Parra) , pertencente a unha familia moi ligada á cociña na comarca. O acto de pregón será mañá, día 20, e actuará como evento de apertura da Festa do Botelo no día oficial.

Entre as novidades deste ano no programa estivo a celebración o día 13, dun novo  Blog Trip do Botelo, a segunda edición, onde 6 blogueiros e comunicadores galegos viaxaron ata a comarca para coñecer como se elabora e como sabe o botelo, ademais de coñecer a zona dende o punto de vista turístico e tamén se completou con visitas a adegas.

A Festa do Botelo do Barco celebrase do 20 e 21 de xaneiro e tal e como explica o alcalde, Alfredo García: “ampliamos a toda a fin de semana a actividade porque queremos que a xente nos visite e deguste o botelo nos restaurantes da vila, non só o día da comida institucional do día 20 no pavillón de Calabagueiros”.  Para o rexedor barquense “a posibilidade de que a festa creza está en aumentar o número de restaurantes que poñan o botelo nos seus menús esa fin de semana”. Ademais de comer botelo tamén se poderán degustar pinchos na VIII edición da Ruta de Pinchos “O Barco vai de viños” por bares da vila que rematará o día 21. Unha actividade organizada pola asociación Centro Comercial Aberto (Aeva) e coa colaboración do Concello do Barco.

Restaurantes que ofrecerán botelo esta fin de semana

-Cafetería Restaurante Fernando III

-Casa Galaica

-Pulpería El Dorado

-Piquiño restaurante

-Casa Lameiro

-Tapería Al Natural

-Restaurante Tomás

Asistentes ao II Blog Trip do Botelo

1- Jose Arnoso: www.turvegal.com  e www.paseargalicia.com.

2.-Chus Nenalinda. Blog: siguiendoanenalinda.blogspot.com (Valdeorras)

3-Ana Otero: www.murmullosentremaletas.wordpress.com  .Twitter e Instagram: @Dacoteroo (La Otero). (Ourense).

4-Emilio Vila: www.cocinaandgo.blogspot.com   (Vigo)

5-Jesus Hermida Iglesias. Blog: www.viajerosnosotros.com

6-Emilia Santiago Blanco. Blog: www.cousasdemilia.com.  (Pontevedra)

José María Rodríguez Ramos: “A paternidade da festa do botelo foi compartida e maternidade da miña nai”

José María Rodríguez Ramos: “A paternidade da festa do botelo foi compartida e maternidade da miña nai”

José María Rodríguez Ramos é o pregoeiro da XVIII Festa do Botelo e ten un sentimento de agradecemento e tamén de orgullo por ver que pasaron anos e a festa vai crecendo co tempo. Como Concelleiro de Cultura no ano 2001 foi o que organizou o primeira festa do botelo unha actividade que como conta tivo paternidade compartida.

-Como xurdiu a idea de facer unha festa do botelo?

Na primeira lexislatura como alcalde, Alfredo, pediume que pensara en organizar unha festa gastronómica. Cheguei á casa e miña nai, Elvira, díxome “aquí hai o dito do mar o mero e do Barco o botelo así que poderíase facer unha festa”. E ademais de darme a idea tamén, como boa cociñeira que era,  me especificou que o botelo solo se debía  recher de costelas porque si se lle metía ósos da cabeza e da suá,  íamos ter problemas para controlar a súa calidade e poder curalos axeitadamente. Con todo este material leveino a unha comisión de cultura e aí empezamos a traballar cun apoio dos seis compoñentes desa comisión. Por iso sempre digo que a paternidade foi compartida e a maternidade foi da miña nai. A idea a verdade é que prometía moito pero tamén daba bastante medo.

– Como foi esa primeira festa do botelo?

No 2001 celebramos a primeira comida con 400 persoas no pavillón vello como un experimento que saíu ben. Sempre agradecerei á Carnicería Biobra o seu esforzo para poder ter botelos para todos os asistentes. Non foi fácil porque antes non se gardaban tantos estómagos e de feito houbo que completar con 140 pigureiros porque non había máis materia prima. Ademais tamén houbo que buscar un pregoeiro que estivera á altura das circunstancias e se embarcara con nós no experimento, neste caso foi o actor valdeorrés, Paco Campos. .

– E agora ser pregoeiro , que sentimento lle xera?

Cando estás na vida pública e formas parte deste tipo de actividades sabes que nalgún momento pode tocarche este papel. Estou contento que me toque co botelo porque vino nacer e crecer e ademais fáísenos maior de idade este ano.  Ademais todos estes anos sempre estiven vinculado a esta festa: vendendo as entradas, axudando na organización,etc.

-Como ves a festa do botelo na actualidade e no futuro?

Véxoa ben, a festa creceu ano a ano con festas en Coruña e Vigo, por exemplo,  e aínda pode crecer máis. É unha festa de encontro de amigos e familia, moi divertida e forma parte do xeito de rematar as festas de Nadal.