A XVIII Festa do Botelo homenaxeará ao primeiro organizador da festa

O alcalde do Barco, Alfredo García e a Concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta foron os encargados de presentar o programa completo da XVIII Festa do Botelo que se celebrará no Barco os días 20 e 21 de xaneiro. O pregoeiro deste ano será o primeiro organizador deste evento, José María Rodríguez Ramos, que cando ocupaba o cargo de Concelleiro de Cultura empezou con esta festa gastronómica. A actual concelleira, Margarida Pizcueta, destacou que “grazas a el empezou un proxecto que contou despois tamén co traballo de moita xente e hoxe estase convertindo na terceira festa gastronómica máis importante de Galicia”.  A mención de honra será novamente para unha cociñeira da vila, Manola García (Parra) , pertencente a unha familia moi ligada á cociña na comarca. O acto de pregón será o día 20 e actuará como evento de apertura da Festa do Botelo no día oficial. Outras actividades como teatro, cine, encontro de blogueiros, cantos de taberna e feira de produtos tradicionais completan o programa deste ano que xa comeza esta fin de semana.

Entre as novidades deste ano no programa está a celebración este sábado, día 13, dun novo  Blog Trip do Botelo, a segunda edición, onde 6 blogueiros e comunicadores galegos viaxarán ata a comarca para coñecer como se elabora e como sabe o botelo, ademais de coñecer a zona dende o punto de vista turístico e tamén se completará con visitas a adegas. Ademais nese mesmo día poránse á venda ás 1150 entradas para asistir á comida oficial do día 20 de xaneiro no pavillón de Calabagueiros. As entradas suben de prezo este ano e custarán 18 euros e só se poderán adquirir 10 entradas por asistente “subiuse o prezo para non ser competencia dos restaurantes e que a xente se anime a ir a eles a degustar o botelo”. A cita para a compra será finalmente na billeteira do Teatro Lauro Olmo este sábado a partir das 10 da mañá. Nun principio a previsión era vendelas no edificio do concello e pola tarde pero un cambio na axenda do alcalde obrigou a cambiar para facelo pola mañá.

A Festa do Botelo do Barco celebrarase o fin de semana do 20 e 21 de xaneiro e tal e como explicou o alcalde, Alfredo García: “ampliamos a toda a fin de semana a actividade porque queremos que a xente nos visite e deguste o botelo nos restaurantes da vila, non só o día da comida institucional do día 20 no pavillón de Calabagueiros”.  Para o rexedor barquense “a posibilidade de que a festa crece está en aumentar o número de restaurantes que poñan o botelo nos seus menús esa fin de semana”. Ademais o día 11 dará comezo a VIII edición da Ruta de Pinchos “O Barco vai de viños” por bares da vila que rematará o día 21. Unha actividade organizada pola asociación Centro Comercial Aberto (Aeva) e coa colaboración do Concello do Barco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *