A XVII Festa do Botelo do Barco servirá máis de 750 quilos deste produto

A XVII Festa do Botelo do Barco celebrase este fin de semana para exaltar este particular embutido que se elabora co estómago do porco recheo de costelas adobadas e despois afumado. Este produto consúmese cocido con verdura e patacas e dende o 2014 a festa de exaltación, que se celebra no Barco, foi declarada de Interese Turístico en Galicia. A festa contará cuns 1300 asistentes na comida do pavillón de Calabagueiros e moitos veciños e visitantes tamén o degustarán nos restaurantes da vila.

A actividade no Día do Botelo, sábado 21 de xaneiro, comezará cunha feira de produtos tradicionais a partir das 11 da mañá. Na Praza Andrés de Prada haberá 14 postos que venderán botelos, mel, marmeladas, etc. A feira estará aberta toda a fin de semana.

Unha vez inaugurada a feira darase paso, ás 12:30 horas, o acto do pregón coa entrega este ano da Mención de Honra á Lula a Pulpeira (Obdulia Fidalgo), a cociñeira encargada durante 15 anos de preparar a comida do botelo. A continuación os pregoeiros deste ano, o actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila, farán a súa interpretación do botelo. Será a primeira vez que se fará un pregón falado e debuxado a dúas mans segundo explican os pregoeiros.

A comida comezará ás 14:30 horas no pavillón de Calabagueiros. Nela degustaranse 750 quilos de botelo, 350 de verdura e 500 quilos de patacas. Todo elo regado cunhas 600 botellas de viño mencía e servido por 50 camareiros e con 12 persoas na cociña. No pavillón haberá unha zona de venda de camisetas e botellas de viño, así como un photocall e tamén un fotomatón para levar fotos de recordo deste día.

A festa do botelo continuará pola tarde coa emisión en directo do programa da TVG, Aquí Galicia, dende a Praza Andrés de Prada e a segunda edición dos Cantos de Taberna. Seis grupos estarán amenizando a tarde-noite en doce bares da vila.

O domingo continuará a feira de produtos tradicionais na Praza Andrés de Prada coa actuación do grupo Os Palletas. E pola tarde pecharase a actividade ás 19 horas coa actuación de Carlos Blanco e Luís Davila no seu espectáculo Menú da Noite. As entradas están á venda ao prezo de 10 € na tenda Ton y Son e unha hora antes na billeteira do Teatro Lauro Olmo.

A festa está asegurada toda a fin de semana na vila do Barco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará