A XVII Festa do Botelo do Barco exaltou este produto con 1300 asistentes na comida oficial

A XVII Festa do Botelo do Barco congregou a 1300 persoas na maior exaltación deste embutido no que o estómago do porco recheo de costelas adobadas é o protagonista. Este produto consúmese cocido con verdura e patacas e dende o 2014 a festa de exaltación foi declarada de Interese Turístico en Galicia. A festa contou este ano como pregoeiros co debuxante Luis Davila e co actor Carlos Blanco. O seu inxenioso pregón a dúas mans, debuxado e falado, tivo unha gran aceptación e provocou moitas risas no Teatro Lauro Olmo onde buscaron “tunear” e darlle novos usos ao botelo convertíndoo en avión “air botelo” ou nunhas zapatillas de deporte e ata chegar a ser un iogur.

No acto do pregón tamén recibiu a mención de honra, Obdulia Fidalgo, coñecida como Lula A Pulpeira, que foi a cociñeira encargada de cocer o botelo durante 15 anos de festa. Lula lembrou no seu discurso os inicios da festa e o todo o traballo que tiveron que facer.

A actividade no Día do Botelo comezou cunha feira de produtos tradicionais na Praza Andrés de Prada onde hai 14 postos que venden botelos, mel, marmeladas, etc. Esta feira estará aberta toda a fin de semana.

A comida comezou ás 14:30 horas no pavillón de Calabagueiros. Nela degustaronse 750 quilos de botelo, 350 de verdura e 500 quilos de patacas. Todo elo regado cunhas 600 botellas de viño mencía e servido por 50 camareiros e con 12 persoas na cociña. No pavillón houbo unha zona de venda de camisetas e botellas de viño, así como un photocall e tamén un fotomatón para levar fotos de recordo deste día.

A festa do botelo continua nesta tarde coa emisión en directo do programa da TVG, Aquí Galicia, dende a Praza Andrés de Prada e a segunda edición dos Cantos de Taberna. Seis grupos estarán amenizando a tarde-noite en doce bares da vila.

O domingo continuará a feira de produtos tradicionais na Praza Andrés de Prada coa actuación do grupo Os Palletas. E pola tarde pecharase a actividade ás 19 horas coa actuación de Carlos Blanco e Luís Davila no seu espectáculo Menú da Noite. As entradas estarán á venda ao prezo de 10 € unha hora antes na billeteira do Teatro Lauro Olmo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará