A vixésima edición da Festa do Botelo vive o seu día grande na vila barquense

A vila ourensá do Barco de Valdeorras vive hoxe o seu Día Grande da XX Festa do Botelo. A Festa comezará ás 12 do mediodía no Teatro Lauro Olmo co acto de lectura do pregón a cargo do actor e contador de historias, Avelino González, e a entrega da Mención de Honra ao socio fundador de Adegas Godeval, Honorato López Isla. O acto estará presentado pola poetisa barquense, Fátima Delgado, e contará coa actuación do Orfeón Valdeorrés. A Mención de Honra este ano ábrese ao mundo do viño despois de dezanove anos concedendo este recordatorio a xente relacionada coa hostalería da vila. O concello barquense quere comezar a recoñecer tamén o traballo feito no sector vitivinícola e vai empezar por unha das adegas que está asentada na vila dende a súa fundación no ano 1986 e que forma parte das que iniciaron a recuperación da variedade godello na comarca.

Unha vez rematado o acto no Teatro Lauro Olmo a xente trasladarase a comer o botelo tanto na comida oficial que se celebrará no Pavillón de Calabagueiros coma nos restaurantes da vila que ofrecen o embutido rei do inverno valdeorrés. No caso da comida no pavillón estarán unhas 1300 persoas entre invitados e asistentes con entrada para dar boa conta do botelo cocido con patacas, repolo e chourizos. No recinto poderán sacar unha foto para o recordo nun escenario “romano” montado para a ocasión, así como comprar a camiseta conmemorativa desta edición. Pola tarde será o momento de facer a dixestión do botelo asistindo ao programa da TVG, Aquí Galicia, que estará emitindo en directo dende o Campo da Festa, no Paseo do Malecón. Ademais a partir das sete haberá a quinta edición dos Cantos de Taberna por varios bares da vila. A festa continuará ata o domingo coa ruta de pinchos despois de ter onte o Concerto do Botelo coa actuación do grupo Milladoiro e a fin de semana pasada celebrouse a terceira edición do Botelo Trip con xornalistas de Galicia e Madrid. Toda unha programación orientada a dar a coñecer o botelo do Barco e poder degustalo no seu momento óptimo.