A VII Festa do Botelo en Vigo pecharía a tempada de exaltación do Botelo pola xeografía galega

Este ano a edición número sete da Festa do Botelo en Vigo non será posible celebrala debido a situación de restricións que se están a vivir pola Covid-19. Como viña sendo tradición o primeiro sábado do mes de marzo pechábase a rolda de exaltación do botelo na cidade olívica. No Hotel Coia os asistentes degustaban este embutido rei do inverno valdeorrés e agardaban ansiosos a chegada da próxima festa.

Este sería o último acto promocional do botelo desta tempada fora das terras valdeorresas. O Concello do Barco agarda poder celebrar, en canto sexa posible, esta festa e seguir exaltando o botelo por diferentes lugares da xeografía galega. A Festa do Botelo foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2004 e este será o primeiro ano que non se celebra actividade festeira pública pero continuase mantendo viva a tradición co seu consumo nos fogares de Valdeorras.