A VI Festa do Botelo na Coruña celebrarase o día 16 de febreiro e ten aberta a compra de entradas

 

A sexta Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase o sábado, día 16 de febreiro. O lugar desta nova edición será o restaurante Arbore da Veira no Monte de San Pedro ao igual que nas cinco celebracións anteriores, aínda que este ano con nova xerencia no centro hostaleiro. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fóra das terras valdeorresas.

A festa comezará ás 12:30 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Para a sobremesa haberá bica, ademais dun grupo musical para amenizar a tarde. Para acompañar a comida do botelo estarán os viños da DO Valdeorras. O xantar custa 33 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto. Aqueles que vaian en grupo deberían especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 19 de xaneiro a súa décimo novena edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fóra das terras valdeorresas e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa V edición para o día 9 de marzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *