A V Festa do Botelo pechará en Vigo a promoción deste ano

A quinta Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrarase o sábado, día 9 de marzo, no Hotel Coia. Preto de 200 comensais degustarán o singular botelo acompañado de cachelos e verdura pechando así a tempada de promoción deste embutido valdeorrés fora das súas terras de orixe.

A comida comezará  ás 14:00 horas con sopa e empanada de maravallas, a continuación servirase o botelo. A degustación do botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas e afumado e posteriormente cocido para o seu consumo,  acompañarase de viños da comarca. O prezo da comida é de 28 euros por persoa. O acto pechará cunha actuación musical.

Este será o último acto promocional do botelo desta tempada. O Concello do Barco organizou unha serie de actividades este ano e deu continuidade a outras para seguir dando a coñecer o embutido rei do inverno valdeorrés, o botelo. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 19 de xaneiro na vila do Barco a súa décimo novena edición. Continuou coa súa promoción fora das terras valdeorresas en Coruña o pasado día 9 de febreiro e rematará a actividade en Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *