A IV Festa do Botelo reúne en Vigo a 180 persoas para pechar a promoción deste ano

A cuarta Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrouse hoxe con gran afluencia de público. Preto de 200 comensais degustaron o singular botelo acompañado de cachelos e verdura no salón do Hotel Coia de Vigo. Ao acto asistiron como representación institucional do Concello do Barco,  o alcalde, Alfredo García e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta acompañados do alcalde de Vigo, Abel Caballero e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Ademais do mundo da cultura estiveron o escritor e editor galego,  Bieito Ledo e o pintor, Antón Pulido.

A comida comezou ás 14:00 horas con sopa e empanada de maravallas, a continuación serviuse o botelo. A degustación do botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas e afumado e posteriormente cocido para o seu consumo, acompañouse con viño branco da Adega D´Berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno de O Barco. Para a sobremesa estivo presente a torta de roxóns, a bica e a música para o baile de peche do acto.

Este foi o último acto promocional do botelo desta tempada. O Concello do Barco organizou unha serie de actividades este ano e deu continuidade a outras para seguir dando a coñecer o embutido rei do inverno valdeorrés, o botelo. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro na vila do Barco a súa décimo oitava edición. Continuou coa súa promoción fora das terras valdeorresas en Coruña o pasado día 3 de febreiro e rematou a actividade hoxe en Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *